Eu son Blanqui neta de José Francés e de Elena Valverde.
A José Francés o meu avó prendérono o 13 de agosto do 36 e tres días máis tarde levárono para Tui, onde permaneceu ata a súa execución. Despois dun xuizo-farsa “sumarísimo” que o declarou “ culpable de delito de traición a la patria , rebelión militar y de declaración de huelga “ e o condenou a morte e foi fusilado as 11 da mañan o día 27 de agosto xunto con outros mártires de Tui e do Porriño, na parte de abaixo da Alameda de Tui. Tiña 30 anos e avoa Elena, a súa muller, 27. A tia Chicha tiña 4 anos e o meu pai 2.
O día que o fusilaron a avoa Elena fora a Tui a levarlle a comida, antes entrou na catedral e alí as 11 da mañan escoitou os tiros. Nese intre sentiu que lle mataran o seu amor .
O enterraron en Tui e anos mais tarde a avoa conseguiu recobrar os seus restos mortais, de madrugada as agachadas, despois de telos gardados por precaución uns dias na casa da sua amiga Teresita de la Cruz a nai do Ferruxo en Tui. Levounos con toda discreción para o panteón familiar do Porriño. Mais tarde conseguiu legalizar a situación.
Os tios Eleazar e Antonio Francés foron paseados o 22 de setembro do 36 nas cunetas da curva de Tabagón, na parroquia de Tebra, en Tomiño. Tiñan 27 e 25 anos .
Antonio casara con Maria Rodríguez . Dias antes de que o prenderan Olegario o practicante foi a avisarlle para que se escondera porque oira dicir que ian a por el, porque lle tiñan moitas ganas os Franceses . Unha noite foron buscalo dous falanxistas do Porriño. Levárono preso ao concello e aos poucos días foi trasladado ao seminario de Tui onde estivo preso e sen xuizo, unha noite sacárono e levárono ata Tebra onde o asasinaron. Deixou muller e dúas fillas , Marujita de 5 anos e Adelina de sete meses .
Eleazar estaba casado con Loreto Pereiro. Cando o foron buscar para prendelo intentoú fuxir pero no lle foi posible. Tras apresalo quixérono meter pola forza no coche pero el resistiuse agarrandose a entrada . Déronlle un portazo na man e amputáronlle os dedos, que caeron o chan e que recollería a súa nai a bisavoa Orícera en canto marcharon.
Deixou muller e un fillo de dous anos, Eleazar – Sote –
A bisavoa Orícera matáronlle tres fillos e prenderon a suas fillas Asunción , Josefa, a súa nora Loreto e tamen o seu fillo Eladio. Ela resistiu velando pola educación e crianza dos seus netos, e na sua humilde casa seguiuse ofrecendo cada día caldo a xente que o necesitaba. “ Recordareiche sempre sentada no banco de pedra na porta da tua casa no Codesal”
A tía Asunción estivo presa 12 anos repartidos entre o campo de concentración de mulleres de Santurran, en Guipuzcua, e as carceres de Tui e Vigo. Antes disto foi rapada xunto con outras mulleres para o escarnio público nun acto que tivo lugar na central do Porriño. Ca praza ateigada de xente foron subidas a un palco e o barbeiro foilles rapando o pelo, unha a unha. Formando parte deste grupo estaba tamen a tía Josefa Francés e a tia Loreto Pereiro. O tio Tonio, irman de Loreto, que tiña sete anos estivo alí preto da escaleira de acceso ao estrado atemorizado e paralizado e lembra perfectamente baixar a sua irmá avergoñada e ca cabeza tapada cun pano que alguen lle deixou o pasar. Lembra berros e aldraxes e a xente dicindo entre risas e abucheos, Sinvergonzas” . Tonio de tia Saladina , que daquela tiña nove anos, conta que aquel espectculo´rematou cun desfile vergoñento no que as mulleres sinaladas e humilladas marcharon polo medio da rúa namentres falanxistas do mesmo Porriño, bailando unha danza macabra, choutaban disparando tiros ao aire.
A tía Saladina era a irmá maior da avoa Elena. Estivo casada con Antonio Fernández Miniño, que salvou a vida ao terse escondido os tres anos que durou a guerra. Non tiveron a mesma sorte os seus irmáns, josé, Eduardo e Rogelio asasinados polos fascistas.
Tamén fusilaron ó tío Victor irman da avoa, o día 6 de agosto de 1936. Tiña 28 anos de idade. e despois de telo dous dias no calabozo de concello metérono nunha camioneta xunto con dous compañeiros José Juan Teijeira e Saturnino Álvarez e leváronos dirección a Tui. Ao chegar a Volta da Moura fixéronos baixar e dixeronlle que correran para salvarse. Victor contestou “ de correr, nada “ e ali mesmo lle pegaron un tiro. Foron os primeiros paseados do Porriño. Deixou muller, a tía Emilia, e catro fillos , Melucha, Victor, Trina e Dora.
Estas historias non se contaban cando eramos pequenos, a avoa Elena era unha muller forte, ainda que intentaba sorrir os seus ollos estaban carregados de tristura. Ela vivía primeiro para os seus fillos e despois para os seus netos e bisnetos, sempre pendente de nós, asustada polo que podía pasarnos, por eso non falaba do drama familiar, ainda que teño que dicir que as veces cando estaba a soas con ela , cantaba cancións republicanas.
A avoa cando escoitaba “ Arriba España “ contestaba “que a levante quen a tumbou”.
Un día na rúa a miña prima Maria Elena, dixome “ Julito contoume que ao avó matárono. “ Eu imaxinei a un heroe en cabalo branco entrando na praza e que lle pegaban un tiro”.
Non preguntamos, non sei por qué sabiamos que non se podía falar diso.
Oricera, Elena, Asunción, Josefa, Raquel, Saladina, Adora, Loreto, Emilia, Chicha, Marujita, Adelina, Maria, Melucha, Trina, Dora, mulleres que sufriron o terror fascista e o silencio para protexernos . Agora tócanos a nos , tócame a min a protexer a vosa memoria, non calarei, seguirei o voso exemplo de solidaridade .
Merecedes un recoñecemento no voso pobo, unha homenaxe no Porriño, e unha rua que represente a vosa valentia.
Recordo o día que avoa Elena chegoulle a noticia que por fin lle ian pagar a pensión de viudedade no ano 79, saiu correndo e gritando pola rúa co papel na man, a contarlle a nova a sua amiga e compañeira Asunción, viuva de José Juan Teijeira.
“ Pensión que nunca chegou a cobrar porque morreu pouco antes que chegara” .
No forno de Asunción falaban das súas cousas, contaban segredos, compartían confidencias, mentras Asunción amasaba e cocia o pan.
Ese pan da memoria co que nos alimentamos.
Publicar un comentario